RT Dissertation/Thesis T1 A metáfora na tradución do inglés cara ao español: estudo baseado nun corpus de ensaios de divulgación económica T2 La metáfora en la traducción del inglés al español: estudio basado en un corpus de ensayos de divulgación económica A1 Meiriño Gomez, Jesus K1 5701.12 Traducción K1 5906.02 Lenguajes K1 6301.05 Lengua y Cultura AB Esta tese de doutoramento céntrase no estudo da metáfora na tradución do inglés ao español de ensaios de divulgación económica e ten un dobre obxectivo. Por un lado, busca mostrar cales son os dominios máis frecuentes na estruturación metafórica do coñecemento do ámbito da economía e dos negocios en inglés e español, así como as semellanzas e diferenzas. Por outro lado, pretende estudar o comportamento da metáfora na tradución de ensaios de divulgación económica entre as linguas antes mencionadas. As análises anteriores permitirán identificar as similitudes e diferenzas entre os textos traducidos e os orixinais na lingua meta (LM), así como achegar datos relevantes dos que extraer as posibles razóns que motivaron as diferentes accións das tradutoras e tradutores. Así mesmo, espérase que os resultados ofrezan datos de interese que permitan elaborar pautas para lle dar a quen se forme na tradución de documentos do ámbito da economía e dos negocios.O estudo baséase no exame dun corpus formado por dous subcorpus: un corpus paralelo unidireccional inglés-español e un corpus monolingüe en español que é comparable ao corpus paralelo. O tamaño das dúas compilacións non permitiu a súa análise completa. En consecuencia, primeiro escolléronse de maneira aleatoria fragmentos das obras orixinais nas dúas linguas que logo se analizaron na busca de metáforas lingüísticas candidatas. A seguir, canto ao subcorpus paralelo, a partir dunha selección das metáforas lingüísticas identificadas previamente, a creación de concordancias paralelas permitiu o exame dos contextos de uso.A análise dos datos do subcorpus paralelo achegou unha panorámica dos dominios conceptuais mais importantes en inglés, mentres que o estudo da compilación textual comparable permitiu levar a cabo a dita análise nos textos orixinais en español. Mediante unha análise contrastiva posterior identificáronse as semellanzas e diferenzas no relativo ao uso da metáfora en ámbalas dúas linguas. O estudo realizado no conxunto do subcorpus paralelo achegou datos de interese no relativo á descrición dos procedementos usados polas tradutoras e tradutores no transvasamento da metáfora. Por último, as análises dos dous subcorpus achegaron datos sobre os motivos polos que as metáforas se comportan de determinadas formas en certos contextos.Os resultados acadados mostran que o dominio conceptual ESPAZO FÍSICO é o máis importante na redacción de ensaios de divulgación económica en inglés. A maiores, cabe mencionar os dominios SER HUMANO, ORGANISMO VIVO e MATERIA FÍSICA. Os resultados apuntan tamén cara a que o inglés e o español comparten, en maior ou menor medida, os mesmos dominios.Os dominios atopados en inglés tamén se identificaron en español. Nesta lingua encontráronse así mesmo dous novos dominios, así como un par de subdominios pertencentes a dominios xa identificados en inglés. No que atinxe aos procedementos de tradución empregados no transvasamento de metáforas do inglés ao español, predomina aquel que mantén na LM as mesmas metáforas conceptuais que as identificadas na lingua orixe (LO).Canto ás posibles razóns que motivaron as accións das tradutoras e tradutores, os resultados apuntan a que estas se basearon no xeito de estruturar o coñecemento da LM, ben usando as mesmas metáforas conceptuais por compartiren o inglés e o español as mesmas estruturas metafóricas, ben recorrendo a outros procedementos. Así a todo, identificáronse algúns casos nos que as solucións de tradución entran en conflito coa idiomaticidade da LM.Por último, no que respecta ás pautas que se lle poderían dar ao estudantado que se forme na tradución de documentos do ámbito da economía e dos negocios, cómpre prestarlle atención á idiomaticidade cando se aborda a metáfora na tradución. Ademais, merece especial atención o crecente uso da tradución automática na aula, unha práctica á que só se debería recorrer unha vez o estudantado teña xa adquirida unha certa competencia tradutora. LK http://hdl.handle.net/11093/5513 UL http://hdl.handle.net/11093/5513 LA glg DS Investigo RD 17-feb-2025