10 Pasos para depositar en Investigo
Paso 1. Acceda á súa conta de usuario/a
Prema en Iniciar sesión e identifíquese coa súa conta de correo electrónico institucional @uvigo.gal e co contrasinal de acceso.
Paso 2. Realice a busca do documento
Na marxe esquerda da pantalla, prema en DEPOSITAR-Enviar e seleccione o tipo de documento: artigo, relatorio, comunicación a congreso, capítulo de libro ou libro.
A continuación, realice a busca. Para obter resultados exactos, sempre que sexa posible, busque polo DOI ou polo ISBN.
O que necesita saber...
Na busca por título, escriba palabras significativas e teña en conta a lingua na que está escrito.
Na páxina de resultados, prema no título para continuar. Se aparecen varios títulos, seleccione o do documento que vai depositar.
O que necesita saber...
Se xa existe unha copia do documento depositada en Investigo, o sistema detéctaa como duplicado e envía unha mensaxe de alerta. Prema en Ver documento para comprobalo. Se é o mesmo documento, cancele o depósito. No caso contrario, continúe co proceso..
Paso 3. Confirme a selección de autores e autoras
Revise a información de autores/as, editores literarios, etc.
Se falta algún nome, pode engadilo facendo clic no botón verde Engadir . Tamén pode eliminalo ou cambiar a orde facendo clic nas frechas da columna Accións .
Unha vez verificados os datos, marque a caixa de control inferior que precede o texto:
• Tras revisar a proposta do asistente do sistema e corrixila, se foi o caso, dou por válida esta selección de autores/as
e prema na icona [man] para continuar.
A información dos autores/as, departamentos e grupos procede do SUXI. Se a información do grupo de investigación non está actualizada, a persoa coordinadora do grupo, debe solicitar os cambios enviando un correo electrónico a auvicinv@uvigo.gal
Para solicitar a inscrición e a baixa dos grupos de investigación é preciso enviar unha solicitude asinada electronicamente a través da sede electrónica da Universidade de Vigo ao Servizo de Investigación. Os formularios de inscrición e de baixa están dispoñibles en «I+D+i-Organismo de investigación-Grupos de investigación-Procedemento e convocatorias
Paso 4. Revise os datos bibliográficos
Revise os datos da descrición do documento: título, idioma, volume, ano, páxinas etc. e, se é necesario, modifique ou engada a información que falta.
Paso 5. Engada información de patrocinio
Se o seu traballo foi financiado a través dos programas marco da Unión Europea (FP7, H2020 ou Horizonte Europa), teclee na caixa de procura algunha palabra do título do proxecto ou o número do contrato de subvención. A continuación, seleccione no despregable o título do proxecto e pulse en Engadir .
No campo Patrocinador/Outros proxectos europeos pode engadir información sobre outros financeiros (Xunta de Galicia, Goberno de España, Unión Europea etc.).
O que necesita saber...
Algúns organismos esixen o depósito dos resultados da investigación financiada con fondos públicos en repositorios. Codificar correctamente a información dos patrocinadores/as facilita o seu control, acceso e visibilidade.
Paso 6. Describa o contido
Engada algunha Materia . Os códigos UNESCO de materias axudan a aumentar a visibilidade.
Dentro dos tres niveis, seleccione as que mellor definen o contido. Recoméndase engadir un máximo de tres materias. A continuación, prema en Engadir .
Resumo: se a información non se carga automaticamente, deixe o campo en branco.
Paso 7. Defina as condicións de acceso ao ficheiro
No apartado Dereitos de acceso , seleccione no menú despregable algunha das posibilidades de acceso. Pulse sobre a icona [i] para obter máis información.
No depósito de artigos, pulse sobre a ligazón Ver dereitos en Sherpa/Romeo ou Dulcinea para comprobar a política de autoarquivo da revista, a versión do artigo que pode depositar e se hai que aplicar ou non un período de embargo.
O que necesita saber...
Embargo: é o período de demora establecido entre a data de publicación dun artigo nunha revista e a súa difusión a texto completo no repositorio. Este período pode variar dependendo das editoriais.
Se o editor establece un período de embargo, seleccione no apartado Dereitos de acceso: embargado e engada a data de finalización do embargo nesta orde: dd/mm/aaaa.
Seleccione a opción Acceso restrinxido ou pechado só cando existan restricións editoriais ou razóns legais ou de confidencialidade que impidan a súa difusión en acceso aberto.
[i]
Aberto: cando posúe os dereitos para difundir o artigo de forma que calquera persoa pode acceder ao contido sen restricións a través de internet.
Embargado: cando o editor da revista determine un prazo de tempo no que o artigo non se pode difundir en aberto no repositorio. Ese prazo de tempo (embargo) pode variar dependendo do editor.
Restrinxido: cando por restricións editoriais o ficheiro só o poden consultar os membros da UVigo debidamente identificados coa súa dirección IP ou outro sistema.
Pechado: cando existan restricións editoriais ou motivos legais ou de confidencialidade que impidan a súa difusión en acceso aberto.
O que necesita saber...
Os rexistros embargados ou con acceso restrinxido ou pechado teñen asociada unha funcionalidade que lle permite a un usuario/a externo contactar coa persoa que realiza o ingreso para poder enviarlle unha copia para uso privado por correo electrónico. O autor ou autora pode autorizar ou rexeitar ese envío.
Paso 8. Autorice o depósito e a difusión
Neste punto, autorízaselle á Universidade de Vigo o dereito non exclusivo de distribuír publicamente o documento depositado en Investigo. Para aceptar, marque a caixa que precede o texto:
• Seleccione para aceptar as condicións de depósito
Para ver os termos da licenza de depósito, prema en Seleccionar para aceptar as condicións de depósito.
Paso 9. Engada o ficheiro
Nomee o ficheiro con palabras significativas en minúscula.
• Evite utilizar artigos ou conxuncións e palabras que non acheguen información.
• Evite acentos, espazos en branco ou caracteres como: ! @ # $ % ^ & * ( ) / \ | “ : ; , ? +.
• Separe as palabras con guión baixo «_» no canto de usar espazos.
Por exemplo: anodepublicacion_apelido1_ palabrastitulo
Use formatos abertos ou estándar que non dependan do software propietario para garantir o acceso aos documentos a longo prazo e a súa preservación dixital. Por exemplo, Acrobat PDF/A para artigos, capítulos, libros...
O que necesita saber...
Se o artigo, libro/capítulo ou congreso foi publicado en acceso aberto, con licenzas creative commons ou similares, pode arquivar no repositorio a copia dixital da versión publicada (published version ou VoR).
Se lle cedeu os dereitos de explotación ao editor, comprobe no contrato de edición ou no contrato de transferencia de dereitos (Copyright transfer agreement, CTA) as posibilidades de reutilización e de uso. Se necesita axuda, contacte coa biblioteca investigo@uvigo.gal
Paso 10. Realice o envío
Para finalizar o envío, prema na ligazón Enviar a Investigo
O que necesita saber...
A visualización do rexistro no repositorio non é inmediata.
Unha vez enviado o documento, o persoal da biblioteca revisa a viabilidade do depósito tendo en conta os permisos editoriais. Se todo é correcto, aproba o rexistro e, nese momento, o/a depositante recibe un correo electrónico de confirmación co handle (identificador persistente) asignado ao documento. Nese momento, pasa a estar dipoñible en Investigo.
Se ten dúbidas cando estea a realizar o depósito, contacte con nós. Tfno.: 986 813 821; investigo@uvigo.gal