Depositar
- Que é «depositar»?
- Como se deposita un documento?
- Como accedo ao SAI3?
- Que hai que depositar?
- En que formatos?
- Quen debe e pode depositar?
- Quen se considera autor ou autora da Universidade de Vigo?
- Podo depositar unha obra escrita con outros autores ou autoras no repositorio?
- Que pasa cos dereitos de propiedade intelectual do traballo que se deposita?
- Unha vez que enviei o meu depósito, onde vai e que lle pasa?
- Por que debo depositar a miña produción científica en Investigo?
Trátase de arquivar unha copia dixital dun traballo de investigación no repositorio institucional da Universidade de Vigo coa finalidade de difundir, conservar e valorar a produción científica da institución. O depósito está formado por tres elementos principais: os datos (metadatos) da obra, o texto completo da obra e a licenza de depósito. Como valor engadido, o depósito serve para introducir no SUXI os méritos da produción científica.
Mediante unha ferramenta de autoarquivo denominada SAI3 que importa os datos de descrición dos documentos de fontes externas (catálogos de bibliotecas, bases de datos, crossRef) e minimiza a necesidade de teclear os datos.
En primeiro lugar, entre no repositorio Investigo dende a páxina web da biblioteca e prema en comezar sesión. A continuación, identifíquese coa súa conta de correo electrónico @uvigo.gal e, no menú da esquerda, prema na ligazón «Depositar-Enviar» para acceder á pantalla inicial do SAI3. Se necesita axuda, contacte co persoal da biblioteca enviando un correo electrónico a investigo@uvigo.gal.
Aqueles traballos que sexan produto do traballo de investigación do PDI da Universidade de Vigo e que se teñan en conta como méritos da produción científica: artigos, libros, capítulos de libros, relatorios, comunicacións a congresos e teses de doutoramento lidas na Universidade de Vigo.
Investigo admite a maioría dos formatos de ficheiro, pero é recomendable o uso de formatos abertos ou estándar que non dependan do software propietario para garantir o acceso a longo prazo e a conservación dixital. Por exemplo, PDF/A para artigos, capítulos, libros etc.
O ideal é que sexa o autor ou autora da obra quen realice o depósito. Para iso, debe ter unha conta de correo electrónico co dominio @uvigo.gal que lle permita identificarse para acceder. O Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao deposita as teses de doutoramento pola necesidade de xestionar os períodos de exposición pública e outros trámites relacionados coa lectura das teses.
SAI3 considera que un investigador ou investigadora pertence á Universidade de Vigo cando figura no SUXI. Se ao realizar o depósito, algún autor ou autora non é recoñecido como membro da Universidade de Vigo, debe contactar coa biblioteca en investigo@uvigo.gal.
Si, aínda que no caso dunha obra escrita en colaboración (é dicir, cando a autoría corresponda a todos os autores/as da obra) é necesario contar co consentimento de todos eles para depositala. No caso de obras colectivas (as realizadas por varios autores/as baixo a dirección ou coordinación de alguén), considérase que a autoría correspóndelle ao coordinador/a ou director/a, que deberá autorizar o depósito.
Se os dereitos de explotación pertencen a unha editorial, antes de realizar o depósito, debe comprobar no acordo de publicación ou no contrato de transferencia de dereitos (CTA) as posibilidades de reutilización e de uso. Se non permite o autoarquivo, debe solicitarlle permiso por escrito ao editor. Moitos editores permiten arquivar a versión postprint (postprint de autor/a ou accepted manuscript), pero non permiten o depósito da versión definitiva do documento tal como foi publicada na revista, libro etc. Por iso, é importante que o persoal investigador conserve os postprint de autor/a para poder depositalos en Investigo. No caso de dúbida, póñase en contacto co persoal da biblioteca enviando un correo electrónico a investigo@uvigo.gal.
O destino final do depósito é o repositorio institucional da Universidade de Vigo, Investigo, a través do cal, realízase a súa difusión e arquivo con fins de preservación. En paralelo, os metadatos incorpóranse a SUXI como méritos de produción científica. A visualización do rexistro no repositorio non é inmediata. Unha vez finalizado o envío, o persoal da biblioteca revisa os metadatos e verifica a viabilidade do depósito tendo en conta os permisos editoriais. Se todo é correcto, aproba o ficheiro e, nese momento, o/a depositante recibe un correo electrónico de confirmación co handle (identificador persistente) asignado ao documento.
Ademais de consideracións relativas ao apoio ao movemento do acceso aberto e a mellora da sustentabilidade do sistema de comunicación científica, existe un marco lexislativo que obriga ao depósito dos resultados de investigacións financiadas con fondos públicos, en repositorios de acceso aberto. A Universidade de Vigo conta cunha Política Institucional de Acceso Aberto á Produción Científica que foi aprobada no Consello de Goberno da Universidade de Vigo o 7 de maio de 2013.