ABSTRACT
Os lugares da represión franquista son un terreo por explorar, sabemos que non todos os lugares de represión están identificados. Son moitos os lugares e son moitas as formas de represión. Levar un catálogo destes é unha tarefa complexa que supón, en primeiro lugar, describir todas as formas de represión posible. Na provincia de Ourense, dun total de 1552 casos de represión con violencia física, contamos con seis proxectos de memorialización. Estes responden a un patrón común que manifesta a
necesidade de seguir abordando e ampliando o debate sobre a memoria e a cultura do recordo. Cómpre transmitir que a represión é un fenómeno historicamente documentado que debe e pode ser entendido máis alá deses escenarios veraces, e de como é posible ter verdades en espazos indefinidos, en paisaxes incertas. Pero, tamén, un traballo de localización, catalogación, tipificación, análise do estado de conservación e medidas de memorialización adoptadas ata o momento permiten afondar na utilidade
da base de datos e definir que medidas e iniciativas de divulgación deses lugares e casos ten sentido implementar e como no contexto actual. En consecuencia, haberá que tratar unha tipoloxía dos lugares de represión tanto no seu aspecto territorial e/ou material; documentar in situ o estado actual de lugares cara a explorar as posibilidades de patrimonialización, abordar unha escolma de lugares que polo seu interese ou as súas características sexan representativos; facer unha proposta de valorización; definir as características da base de datos en termos de accesibilidade e interese partindo dunha consulta xeolocalizada desde os lugares. Son seis iniciativas de memorialización con diferenzas nas súas concepcións estéticas e narrativas que se ligan a espazos verosímiles e destinados a ser visibilizados todos, e uns concibidos como escenarios de actos de homenaxe.