Facer visible o invisible: habilidades para aprender dos e das escolares nos colexios rurais agrupados de Ourense
DATE:
2022
UNIVERSAL IDENTIFIER: http://hdl.handle.net/11093/4832
UNESCO SUBJECT: 6104.01 Procesos Cognitivos
DOCUMENT TYPE: bookPart
ABSTRACT
O presente estudo céntrase na descrición do funcionamento cognitivo, dos procesos lectores e dos procesos matemáticos do alumnado dos centros rurais agrupados (CRA) da provincia de Ourense escolarizados nas etapas de educación infantil e primaria, comparando o seu desempeño cos iguais en idade e nivel educativo pero escolarizados en centros educativos da cidade. Participaron un total de 114 escolares, 57 dos CRA e 57 de centos urbanos con idades comprendidas entre os 5 anos e 0 meses e os 7 anos e 11 meses, dos que 64 eran nenos e 50 nenas. Aos e ás participantes aplicóuselles de xeito individual unha proba de avaliación dos procesos cognitivos (D. N.: CAS), outra de avaliación dos procesos lectores en cada nivel educativo (BIL 3-6; PROLEC-R) e outra de avaliación dos procesos matemáticos (TEDI-MATH). A través de análises descritivas e de varianza dun só factor (ANOVA) obtívose que o alumnado participante ten un nivel medio no funcionamento cognitivo e nos procesos lectores e matemáticos acorde coa súa idade e nivel educativo. No contraste de puntuacións obtidas polo alumnado dos CRA e o do ámbito urbano atopáronse diferenzas estatisticamente significativas, tanto na etapa de educación infantil coma na de educación primaria, nas tarefas lectoras de rima, comprensión de textos, comprensión de oracións, comprensión oral, precisión da lectura de pseudopalabras e velocidade de igual-diferente. Nos procesos matemáticos as diferenzas manifestáronse nas tarefas de contar, operacións lóxicas e estimación do tamaño. Na maioría das tarefas lectoras e matemáticas o alumnado dos CRA obtivo significativamente máis puntuación ca o alumnado dos centros urbanos. Estes resultados positivos do alumnado dos CRA da provincia de Ourense poñen de manifesto o valor das prácticas pedagóxicas que se levan a cabo nese tipo de centros, así como os beneficios achegados pola contorna rural, tal e como se soporta noutras investigacións realizadas.