Alternativas de aloxamento turístico na provincia de Ourense: análise da evolución recente da oferta e dos novos patróns de conduta da demanda nun contexto de irrupción do fenómeno das vivendas de uso turístico
DATE:
2022
UNIVERSAL IDENTIFIER: http://hdl.handle.net/11093/4822
UNESCO SUBJECT: 5312.90 Economía Sectorial: Turismo
DOCUMENT TYPE: bookPart
ABSTRACT
Da mesma maneira que os servizos de aloxamento poden considerarse un dos trazos distintivos da actividade turística, a competitividade de calquera destino depende, en boa medida, do seu mercado de aloxamento. No presente traballo faise, a partir das fontes secundarias dispoñibles, un diagnóstico do mercado de aloxamento turístico da provincia de Ourense, nas súas vertentes de oferta e de demanda, con especial atención ás vivendas de uso turístico comercializadas a través das plataformas P2P. Ademais, segundo os datos obtidos mediante unha enquisa en liña a turistas, afóndase nas preferencias e nas eleccións de aloxamento dos e das turistas e, en particular, na súa percepción das vivendas de uso turístico. A análise realizada permite comprobar, entre outras cousas, como a oferta de aloxamento evolucionou e se diversificou nos últimos anos en Ourense, especialmente coa proliferación de vivendas de uso turístico, ou a desigual distribución comarcal dos distintos tipos de aloxamento. No caso da
demanda, os datos reflicten o efecto negativo da crise económica iniciada en 2008 e o impacto moi negativo da pandemia sobre os fluxos de visitantes e noites nos establecementos da provincia. Así mesmo, verifícase que a densidade e a penetración turística da provincia son as máis baixas das catro provincias galegas. Por outra banda, maniféstase a importancia que teñen factores como o prezo, a localización, a liberdade de horarios e de movementos ou a facilidade á hora de reservar na elección do tipo de aloxamento. Ademais, confírmase que as vivendas de uso turístico son unha alternativa de aloxamento moi utilizada e valorada e que, fronte ao aloxamento hoteleiro tradicional, é unha opción preferible para viaxar en familia ou con amizades. En definitiva, o traballo bota luz sobre importantes aspectos relativos ao mercado de aloxamento, que poden axudar a que os axentes turísticos da provincia melloren a súa toma de decisións.