Retos na posta en valor do patrimonio natural e cultural nas vilas termais da provincia de Ourense
ABSTRACT
Na provincia de Ourense hai catro concellos (Ourense, Bande, Cenlle e Lobios) que ofrecen a posibilidade de acceder a recursos termais de forma pública, é dicir, gratuíta e de acceso libre. Son as denominadas pozas ou charcas. Estas puxéronse en funcionamento como unha forma de permitir o acceso da poboación xeral aos recursos termais que se atopan no seu territorio. Dous contan con explotacións termais de tipo balneario privado. Os recursos termais de acceso libre dos concellos deu lugar a unha nova forma de gozo dos recursos acuíferos de tipo recreativo que supón un atractivo non só para a veciñanza, senón que se converteron nun atractivo turístico cara a visitantes e turistas, ademais de estar a xerar unha cultura termal específica para explotar desde os concellos. O desenvolvemento de infraestruturas e formas de xestión que posibilitan o uso aberto dun recurso de dominio público hidráulico por parte dos concellos está limitado polo modelo de xestión posible. Unha demanda que manifestan os alcaldes e alcaldesa dos concellos de Bande, Cenlle e Lobios é a posibilidade de utilizar os recursos patrimoniais (naturais –recursos paisaxísticos e rutas a pé– e culturais –materiais e inmateriais–) para atraer máis visitantes ás pozas e, á inversa, que quen visite as pozas amplíe a súa estadía creando unha sinerxía que lles dea un valor engadido ás posibilidades de desenvolvemento turístico dos devanditos concellos. Esta investigación ten como obxectivo analizar cales son os recursos dispoñibles e como están a ser postos en valor e como están a ser utilizados, dados a coñecer e publicitados a visitantes, co gallo de ofrecer posibilidades de pór en práctica para a promoción turística local nestes tres concellos.