Usos e patrons nas áreas termais da provincia de Ourense como topías
RESUMO
Na provincia de Ourense contamos con numerosos mananciais termais próximos ás beiras dos ríos que a atravesan. Estes foron utilizados de formas moi diferentes en distintas épocas, pero sempre constituíron un foco de interacción humana e co medio. As áreas de baño termal abertas son un recurso en que é posible tomar un baño durante a maior parte do ano, e están a ser obxecto de atención das administracións públicas. Ata o momento non contamos con datos etnográficos, nin de perfil nin sobre os usos practicados. Levouse a cabo un traballo de campo mixto con entrevistas e enquisas a usuarios/as e a persoas encargadas da xestión co que se pretende construír unha primeira aproximación ao termalismo aberto na provincia de Ourense. Os datos máis salientables definen un perfil de usuaria/o de mediana idade, de procedencia española, asalariada e que fai un uso repetido. Considérano unha actividade social, de persoas adultas, ao que lle atribúen calidades de curación ou de benestar. As motivacións para o seu uso están asociadas á tranquilidade, descanso e saúde, ademais de fins turísticos e como actividade de lecer ao aire libre. Aínda que a valoración das termas é moi positiva, formulan propostas de mellora relacionadas coa limpeza e maior dispoñibilidade de servizos.