DATE:
2021
UNIVERSAL IDENTIFIER: http://hdl.handle.net/11093/3367
EDITED VERSION: https://www.cgrl.gal/informe-sociolaboral-2020/
DOCUMENT TYPE: article
ABSTRACT
Introdución: Os sistemas de protección social posibilitan a cobertura ante continxencias como a inestabilidade no emprego, a enfermidade, a incapacidade ou morte (viuvez e orfandade). Nos Estados modernos, ademais, son un importante instrumento económico e social que permite a redistribución das rendas. En España temos, dunha parte, as pensións e prestacións do sistema de Seguridade Social, que conforman a vertente contributiva do sistema. Doutra, a denominada cobertura asistencial, configurada polas pensións non contributivas da Seguridade Social, a renda de integración social (RISGA), as prestacións derivadas da Lei de integración social dos discapacitados (LISMI) e aquelas establecidas na Lei da dependencia. Así mesmo, en 2020 dáse un paso importante neste eido coa aprobación e aplicación dun ingreso mínimo vital a nivel nacional. En materia de pensións houbo cambios substanciais nos últimos anos. O máis importante foi o aprobado coa Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema de Seguridade Social. Esta normativa foi modificada polo Real decreto lei 5/2013, do 15 de marzo, de medidas para favorecer a continuidade da vida laboral das persoas traballadoras de maior idade e promover o envellecemento activo. Dende aquela, estase a incrementar de xeito progresivo a idade de xubilación dende os 65 anos ata os 67 en 2027. O período de cómputo para a pensión pasa dos 15 aos 25 anos en 2022, aínda que se mantén 15 anos como mínimo de anos cotizados para ter dereito a unha pensión contributiva. Ademais, abandónase a actualización automática das pensións, optando por un sistema que considera a actualización en función dos ingresos e gastos do sistema, o denominado factor de revalorización anual.