DATE:
2021-02-02
UNIVERSAL IDENTIFIER: http://hdl.handle.net/11093/1736
SUPERVISED BY: Martin Lucas, Maria Belen
UNESCO SUBJECT: 5701.07 Lengua y Literatura ; 6309.09 Posición Social de la Mujer ; 5101.14 Tradición
DOCUMENT TYPE: doctoralThesis
ABSTRACT
Durante séculos, as colchas feitas por mulleres estadounidenses de raza negra permaneceron alleas ao interese da crítica artística e do escrutinio historiográfico. Sen embargo, deste afastamento do foco de estudo académico non debería nunca deducirse a inexistencia de tales obras téxtiles, xa que a documentación que ten chegado ata os nosos días é mostra clara das raíces tan antigas desta actividade, tanto entre as primeiras xeracións de mulleres vivindo en escravitude, coma das xeracións nadas en liberdade (e así, sucesivamente, ata a actualidade). Co espertar dunha nova conciencia cultural en Estados Unidos a mediados do século XX, que amosaba unha maior permeabilidade a fomentar as identidades das minorías raciais e a equilibrar as tradicionais discriminacións de xénero, creceu un interese novo na cultura desenvolta por mulleres afroamericanas, xa fose dende o ámbito artístico coma literario. Ao mesmo tempo, a identificación (herdada de tempos inmemoriais) das tarefas domésticas femininas cun labor utilitario, non artístico e carente de relevancia cultural comezou a ser posto en tela de xuízo pola nova corrente feminista que xurdiu nas décadas de 1960 e 1970 e acadou enormes repercusións nese país. A rebelión contra ese tipo de pensamento que asociaba labor téxtil con ausencia de prestixio artístico veuse fortalecida por unha postura feminista que comezou non só a dotar de valor intrínseco eses traballos, senón que os empregou como símbolo reivindicativo dunhas obras tradicionalmente "invisibilizadas" polo canon dominante (Parker 207). Así, a posta en valor dos labores de costura, e particularmente das devanditas colchas (entre outros factores, pola súa enorme riqueza e versatilidade) feitas por mulleres afroamericanas, converteuse nun poderoso símbolo de loita social, política e artística. Situadas na intersección de factores raciais, de xénero e, implícita e inevitablemente, de clase (non só porque a orixe desta manufactura xorde da necesidade do aproveitamento, senón tamén polas continuas tensións xerárquicas entre "traballo artesanal" e "arte refinado"), as colchas feitas por esta comunidade de mulleres pasaron a converterse nun lenzo no que as autoras eran quen de expresar libremente, sen a tutela de tempos anteriores, as súas visións do mundo e as novas representacións de si mesmas como seres individuais pertencentes a un colectivo historicamente sometido. Unha das consecuencias de tal cambio de posicionamento cultural foi o progresivo aumento da investigación académica no ámbito da composición destas colchas, como instrumento de forte significado cultural polas razóns expostas. O afondamento no estudo sobre estes obxectos de facturación artesanal descubriu a súa enorme riqueza histórica como testemuñas dun tempo (o período que vai dende o século XVIII ata finais do XX) e lugar (os Estados Unidos de América do Norte) en que as mulleres, e particularmente as mulleres negras, eran mantidas á marxe das correntes sociopolíticas e artísticas do país. Sen dúbida, a confección destas colchas supuxo, dende as primeiras xeracións de mulleres afroamericanas, unha forma de resistencia tanto pasiva (polo mero feito de elaborar as súas propias obras, e incluso de darlles transmisión ás súas descendentes cando así podían) coma activa (nos casos en que as circunstancias permitían a súa utilización en foros de reivindicación fronte ao sistema imperante). En consecuencia, a utilización deste labor de costura como forma de expresar as súas protestas e esperanzas de futuro quedou reflectido nas pezas que se conservaron dende as décadas da escravitude en adiante (aspectos analizados nos capítulos 1 e 2 desta tese), se ben é imposible aventurar, sequera aproximadamente, unha porcentaxe que indique cantas desas primeiras colchas desapareceron, como tamén é imposible identificar cantas das que pasaron á historia coma "composicións anónimas" tiñan coma autora a unha muller de raza negra. Sen embargo, si é posible argumentar hoxe cales foron algúns dos motivos que levaron a aquelas primeiras mulleres Afroamericanas a deseñar, crear e, na medida das súas posibilidades, preservar as súas colchas. En primeiro lugar, entre as razóns máis evidentes estaría non só a necesidade de supervivencia en condicións infrahumanas, senón que tamén debemos considerar o factor da obriga dentro das súas tarefas de servidume cotiás. Se ben no primeiro caso os materiais empregados eran frecuentemente moi humildes, e as condicións de traballo lamentables, a orixinalidade e beleza das colchas revelan un alto interese estético por parte das súas creadoras, e un innegable afán de perdurar dos seus traballos. Ademáis, resulta curioso observar as diferenzas entre as composicións elaboradas como parte da carga de traballo diaria, feitas por imperativo alleo de acordo cos criterios doutra persoa, e as elaboradas ao cae- la noite ou nos momentos de asueto, cando podían dar renda solta (dentro das limitacións evidentes) aos seus propios gustos e sensibilidades para crear colchas segundo as súas preferencias. Aínda máis salientable é, se cabe, a mera perseveranza por continuar afanándose coa agulla, por propia iniciativa, logo dunha xornada de traballo extenuante...
Files in this item
- Name:
- CazorlaTorrado_Luisa_TD_2020_AA.pdf
- Size:
- 2.645Mb
- Format:
- Description:
- Copia do orixinal