ABSTRACT
Neste traballo analízase cómo se representou (ou silenciou) o traballo das mulleres no agro e no mar. Faise a través de, fundamentalmente, tres obras pioneiras que se publicaron dirixidas á infancia e xuventude: Memorias dun neno labrego (1961, 1968), de Xosé Neira Vilas; Mar adiante (1973), de María Victoria Moreno; e O segredo da Pedra Figueira (1985), de María Xosé Queizán. Son obras publicadas na fase de constitución do sistema literario que abriron vías ata o de entón inexploradas ou pouco tratadas e que serviron de modelo para creadores e creadoras posteriores. Considerámolas relevantes por confluír nelas tamén tradición e modernidade, ademais de amosaren de modos moi diversos o traballo das mulleres en diferentes ámbitos e dende diferentes perspectivas.